QUE É O LEADER
No enfoque LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural) é esencial que os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) se encarguen do deseño e execución das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP). Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.
Polo que as EDLP de cada territorio a por en marcha coa intervención LEADER son deseñadas e executadas polo GDR. Trátase dunha asociación constituída por todas as entidades do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional, tanto públicas como privadas, que desexen implicarse. Estas entidades asociadas funcionan como calquera asociación sen fin de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” polo que están obrigadas a admitir a calquera outra organización do seu territorio que desexe participar no programa.
A Asociación Miño Ulla, no actual período de Programación 2023-2027, é o Grupo de Desenvolvemento Rural 05 (GDR05).
COMO FUNCIONA O GDR
O GDR05 elaborou unha EDLP do noso territorio de actuación, nela incluíanse cales eran as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do mesmo desde o punto de vista produtivo, económico, dotacional, social, etc. Esta estratexia presentouse á convocatoria do programa para o período 2023-2027 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente público xestor da intervención LEADER en Galicia, e resultou seleccionada, polo que a Asociación Miño Ulla GDR05 pasou a ser entidade colaboradora (e tamén beneficiaria) coa AGADER para a xestión da intervención LEADER 2023-2027.
O GDR conta cunha estrutura técnica (equipo técnico) que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción, para desde xeito aplicar a estratexia deseñada para este territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro da intervención LEADER. É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios predefinidos. A decisión trasládase á AGADER que, logo de revisar que a asignación do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión da axuda.
ENFOQUE LEADER
LEADER 2014-2020
-
Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural.
-
Mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.
-
Favorecer a ocupación sostible do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc.
-
Garantir a sostibilidade da actividade no medio rural, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.
-
Potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio.
-
Contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.
LEADER 2023-2027
O 24 de xuño de 2021 aprobouse o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados. O título III (Programación) dese regulamento destina o capítulo II ao desenvolvemento local participativo. A dita normativa define os posibles apoios financeiros, determina o contido das estratexias de desenvolvemento local e condicións para a súa selección, establece o papel e tarefas dos grupos de acción local e enmarca os posibles tipos de axuda.
No enfoque Leader é esencial que os grupos de desenvolvemento rural, que representen os intereses das comunidades locais, se encarguen do deseño e execución das estratexias de desenvolvemento local participativo, podendo, así mesmo, desenvolver tarefas suplementarias delegadas pola autoridade de xestión ou o organismo pagador. As estratexias deben desenvolverse e apoiarse baixo a responsabilidade das autoridades de xestión e organismos intermediarios, que deben encargarse da selección das operación que deben recibir apoio ou participar na devandita selección.
A política comunitaria para o período 2023-2027 e, en consonancia, o Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España (en diante, PEPAC 2023-2027) para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, consolida o desenvolvemento local participativo, coa formulación da intervención 7119-Leader, subintervención 7119_01. Implementación EDLP, baseado en estratexias de desenvolvemento local participativo como mecanismo de desenvolvemento territorial integrado.
O PEPAC prevé que a citada Intervención Leader estará financiada co Feader e sometida ao Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da PAC, e mais ao Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013, de acordo cos artigos 1 e 2 do xa citado Regulamento 2021/2115.
No citado PEPAC, a intervención 7119-Leader contribúe inicialmente ao obxectivo específico 8 (OE8):
- Promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas a bioeconomía circular e a silvicultura sustentable.
Así mesmo, atende á necesidade 08.05:
- Asegurar e fomentar a implementación dun desenvolvemento endóxeno e a xeración de valor engadido asociada á metodoloxía participativa.






