AXUDAS LEADER 2023-2027
As axudas da Intervención Leader son en réxime de concorrencia competitiva e están cofinanciadas co Feader no marco do PEPAC 2023-2027.
As axudas concederanse en forma de subvención directa de capital non reembolsable e calcularanse sobre os custos subvencionables, tendo en conta a porcentaxe de axuda que resulte da aplicación ao proxecto dos criterios de selección establecidos polo GDR05, sempre e cando se cumpran as condicións e requisitos de elixibilidade que sexan aplicables a cada proxecto e que este supere a puntuación mínima ou “de corte” que se establece na EDLP.
Para tramitar a axuda deberá acceder á Sede electrónica da Xunta de Galicia, e o código identificativo do procedemento é o MR701L.
TIPOLOXÍA DE PROXECTOS EN FUNCIÓN DA SÚA NATUREZA
Proxectos produtivos: proxectos que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñen unha creación e/ou mantemento de emprego. Os proxectos de natureza produtiva deberán acadar, cando menos, un 65 % dos fondos públicos totais asignados a cada GDR no ámbito das axudas a operacións de terceiros.
Proxectos non produtivos: proxectos promovidos por entidades sen ánimo de lucro, entidades públicas locais, comunidades de montes veciñais en man común ou as súas mancomunidades, que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica.
TIPOLOXÍA DE PROXECTOS EN FUNCIÓN DAS PERSOAS BENEFICIARIAS E REQUISITOS
Proxectos promovidos por entidades públicas de carácter local ou comarcal, en concreto: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.
Proxectos promovidos por persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.
As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter sido condenada mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
c) Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño:
1º) Empregar menos de 50 persoas.
2º) Ter un volume de negocio anual ou un balance xeral anual que non supere os 10 millóns de euros.
REQUISITOS XERAIS DAS OPERACIÓNS SUBVENCIONABLES
Serán subvencionables os proxectos que teñan encadramento na Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR05 Asociación Miño Ulla, sempre e cando cumpran as condicións de subvencionalidade que se especifican nas Bases reguladoras.
Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos
a) Estar localizados no ámbito territorial de aplicación da EDLP do GDR05.
b) Ser viables técnica, económica e financeiramente, para os proxectos de natureza produtiva, e técnica e financeiramente para os non produtivos.
c) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
d) Non estar iniciados na data da presentación da solicitude de axuda.
e) Ser finalistas, é dicir, que na data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados os proxectos. Non poderán subvencionarse fases dun proxecto que non constitúan unha actividade finalista.
GASTOS SUBVENCIONABLES
Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen segundo as tipoloxías de investimentos subvencionables, poderán subvencionarse os gastos necesarios para cumprir coa finalidade do proxecto, sempre que o seu valor non exceda ao do valor normal de mercado. En particular son subvencionables:
a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian a ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, a porcentaxe subvencionable non poderá superar o 50% do total dos gastos subvencionables e deberán cumprirse uns determinados requisitos (ver artigo 6 das Bases Reguladoras).
b) A adquisición de terreos ata o límite do 10% do total dos gastos subvencionables, e deberán cumprirse uns determinados condicionantes (ver artigo 6 das Bases Reguladoras).
c)A adquisición de maquinaria e equipamento novos.
d) Investimentos intanxibles como a adquisición e o desenvolvemento de programas informáticos, así como a creación de páxinas web, estudos, publicacións e investimentos necesarios para a dixitalización do proceso produtivo ou a xestión da actividade económica.
e) Custes xerais vinculados aos gastos de investimento, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade. Os custes xerais descritos neste apartado non poderán superar o 12% do custe total subvencionable das operacións de investimento aos que estean vinculados.
f) Gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade prevista no proxecto, así como os gastos de expedieción de permisos e licenzas, a adquisición de patentes e licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas. As licenzas de obra deberán ter correspondencia cos proxectos, sinaladamente en canto o importe liquidado nestas. A suma dos gastos sinalados nesta alínea xunto coa suma dos gastos en custes xerais sinalados na alínea anterior non poderá superar o 20% do conxunto dos gastos subvencionables do proxecto.
g) Medios e equipos de transporte, sempre segundo os termos que veñen establecidos no artigo 6 das Bases Reguladoras.
GASTOS NON SUBVENCIONABLES
Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen segundo as tipoloxías de investimentos subvencionables, non son subvencionables:
a) Os investimentos de reparación e mantemento das instalacións, así como a reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria diferenciada dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou porque mellore a súa capacidade de produción nunha porcentaxe superior a un 25%, que deberá xustificarse achegando un informe dun técnico competente ou dun organismo debidamente autorizado.
b) O IVE recuperable polo promotor do proxecto, así como os demais impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación, así como os impostos persoais sobre a renda.
c) Os gastos de funcionamento da operación subvencionada e material funxible en xeral.
d) Maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.
e) A execución por medios propios, o traballo voluntario non remunerado ou man de obra propia, así coma os materiais de igual procedencia.
f) Os intereses debedores das contas bancarias.
g) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda e a acta de non inicio, coa excepción dos custes xerais vinculados a gastos de investimento, da adquisición de terreos e das licenzas de obra, que poderán terse realizado nos dezaoito meses anteiores á data de presentación da solicitude de axuda.
h) Os investimentos que substitúan a outros que fosen financiados polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen, polo menos, 5 anos, contados desde a data da resolución de pagamento final.
i) Os investimentos de reforma ou rehabilitación de inmobles cuxa construción ou adquisición fose financiada polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen polo menos, 5 anos, contados desde a data da resolución de pagamento final.
j) Os xuros, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas.
k) Os gastos de procedementos xudiciais.
l) A compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación en investimentos no sector agrario.
m) Os conceptos de “gastos xerais” e “beneficio industrial”, agás nos proxectos de promoción pública cando estas partidas formen parte do prezo de licitación de acordo coa normativa de contratación administrativa.
n) Investimentos non relacionados directamente coas actividades vinculadas á operación para a cal solicita a axuda, así como as obras de simple ornamentación.
ñ) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.
LIMITACIÓNS E EXCLUSIÓNS DE CARÁCTER SECTORIAL
a) Quedan excluídos aqueles investimentos promovidos polas entidades públicas locais relacionados coa prestación dos servizos enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, así como os servizos esenciais para os cales o artigo 86 da citada lei declara a reserva a favor das entidades públicas locais e os de prestación mínima previstos no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
b) Os proxectos de sinalización territorial quedan excluídos.
c) Para os investimentos en establecementos turísticos e para os investimentos en actividades económicas do sector servizos no marco do sector da hostalaría rexerá o convenio de colaboración que se asine entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Axencia de Turismo de Galicia.
d) Para os investimentos no sector das enerxías renovables, queda excluído de financiamento a través da Intervención Leader calquera tipo de investimento en enerxías renovables cuxo destino ou finalidade principal sexa a venda á rede.
e) No ámbito dos investimentos en actividades económicas do sector servizos (talleres, tinturarías, lavandarías, clínicas, tanatorios, asesorías, salóns de peiteado, despachos profesionais e calquera outra actividade asimilada ás anteriores do sector servizos) será de aplicación o que determine a EDLP do GDR.
f) No ámbito dos investimentos no sector do comercio retallista será de aplicación o que determine a estratexia de desenvolvemento local do GDR. En ningún caso será subvencionable a adquisición das mercadorías destinadas á venda.
g) Os investimentos que consistan na adquisición de maquinaria para a realización de servizos agrarios e/ou forestais quedan excluídos de financiamento a través da Intervención Leader.
h) Para a realización de investimentos en centros sociais ou culturais, así como o seu acondicionamento e equipamento, agás que supoñan a rehabilitación ou acondicionamento dunha edificación tradicional con valor patrimonial, haberá que observar o disposto na EDLP de cada GDR aprobada e seleccionada pola Agader. A contía máxima de axuda por cada proxecto que supoña un investimento en creación, reforma ou ampliación dun local social non poderá exceder os 50.000,00 € por proxecto.
i) Os investimentos consistentes na elaboración de estudos, edición de libros ou guías e páxinas web terán un límite máximo de axuda de 10.000,00 € por proxecto.
j) Os investimentos relacionados con instalacións ou centros que presten o servizo de calquera ensino que teña carácter regrado quedan excluídos de financiamento a través da Intervención Leader.
TIPOLOXÍAS DE INVESTIMENTOS SUBVENCIONABLES
– Os investimentos, de natureza produtiva, elixibles no sector da produción agraria primaria (ver artigo 11 das Bases Reguladoras).
– Os investimentos, de natureza produtiva, elixibles en transformación e comercialización de produtos agrarios (ver artigo 12 das Bases Reguladoras).
– Os investimentos, de natureza produtiva, elixibles en transformación e comercialización de produtos forestais (ver artigo 13 das Bases Reguladoras).
– Os investimentos, de natureza produtiva, que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias (ver artigo 14 das Bases Reguladoras).
– Bono activa rural (ver artigo 15 das Bases Reguladoras).
– Os investimentos elixibles en proxectos de natureza non produtiva (ver artigo 16 das Bases Reguladoras).
TRAMITACIÓN DAS AXUDAS
Presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude documentación complementaria (ver artigo 18 das Bases Reguladoras).
Análise da solicitude de axuda e da documentación
No suposto de defectos na solicitude ou na documentación complementaria, o equipo xestor do GDR requirirá ao interesado para que no prazo máximo e improrrogable de 10 días corrixa a falta ou xunte os documentos preceptivos.
Así mesmo, logo da presentación da solicitude de axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita a axuda que supoñan un incremento do seu importe, nin a inclusión de novos elementos ou gastos.
Emisión do Informe de Control de Elixibilidade (ICE)
Compételle ao equipo xestor do GDR emitir o ICE, que reflectirá o resultado da avaliación e baremación do proxecto, ao abeiro da EDLP aprobada, das Bases Reguladoras e da normativa que resulte de aplicación. A baremación do proxecto realizarase segundo os criterios obxectivos de adxudicación das subvencións que o GDR ten establecidos na súa EDLP. A puntuación que obteña cada proxecto será a que determine a contía individualizada da axuda que lle corresponde (ver Baremo do GDR05).
O GDR remitirá a Agader o ICE acompañado de copia dos documentos que integran o expediente.
Unicamente no caso de renuncia ou de desistencia expresa do promotor non será necesario emitir ICE. O equipo xestor do GDR remitirá á Axencia o documento presentado polo promotor e o resto da documentación que forme parte do expediente para aceptar a renuncia ou a desistencia expresa e declarar concluso o procedemento.
Emisión do informe técnico de viabilidade
Compételle ao equipo xestor do GDR emitir un informe técnico de viabilidade por cada proxecto, que se remitirá xunto co ICE. O informe técnico de viabilidade pronunciarase sobre a capacidade, solvencia técnica e financeira do promotor para levar a cabo o proxecto. No caso de proxectos produtivos, o informe de viabilidade pronunciarase tamén sobre a solvencia económica do proxecto.
O equipo xestor do GDR requiriralle ao promotor a acreditación do contido recollido no punto anterior. O promotor poderá acreditar esta capacidade e solvencia mediante calquera medio válido admitido en dereito.
Verificación do ICE
Compételle á Agader realizar a verificación do ICE. No suposto de carencias ou defectos na documentación que integra o expediente, a Agader solicitaralle ao equipo xestor do GDR documentación complementaria.
A verificación do ICE por parte da Agader terá o carácter de informe preceptivo e vinculante. Non poderá concederse axuda a ningún proxecto que non conte coa verificación administrativa da elixibilidade favorable.
Selección e proposta de resolución por parte da xunta directiva do GDR
A xunta directiva do GDR realizará e remitirá á Agader, tendo en conta o procedemento de selección e priorización de proxectos definido na súa estratexia, unha única proposta de selección de proxectos motivada. Dita proposta incluirá unha lista dos proxectos que se subvencionarán, ordenados de maior a menor puntuación e ata o límite máximo do crédito dispoñible do GDR e para cada tipoloxía de proxectos. Polo tanto, distinguirase, por unha parte, entre proxectos produtivos e non produtivos, e dentro destes últimos distinguirase entre os non produtivos promovidos por entidades públicas locais e os promovidos por institucións de carácter privado. A relación ordenada de maior a menor puntuación correspondente aos proxectos non produtivos incluirá en primeiro lugar aos considerados de prioridade alta, logo os de prioridade medida e a seguir os de prioridade baixa, tal e como se definan en cada unha das estratexias dos GDR que foron seleccionadas.
A relación de expedientes propostos pola xunta directiva do GDR (ou órgano decisorio similar) incluirá a distribución da axuda por anualidades e o prazo máximo de execución de cada un dos expedientes propostos
A antedita decisión trasladarase á Agader, que resolverá a concesión da axuda segundo a proposta de resolución do GDR.
As propostas de resolución de concesión da axuda emitidas pola xunta directiva do GDR, en que se inclúa unha relación de proxectos para os cales se propón axuda, incluirán, no caso de que existan, unha lista de agarda, formada por proxectos que conten con ICE verificado pola Agader, e para os cales non exista crédito dispoñible na anualidade. Esta lista de agarda poderá ser activada no suposto de que exista crédito dispoñible na tipoloxía de proxectos e na convocatoria en que se presenta a solicitude de axuda.
Os proxectos que conten con ICE desfavorable emitido polo equipo xestor do GDR e verificado pola Agader, así como os proxectos que conten con ICE favorable emitido polo equipo xestor do GDR, pero que a Agader non verifique favorablemente, non poderán ser seleccionados pola xunta directiva do GDR. Nestes casos, procederá que a citada xunta directiva do GDR propoña á Agader, xunto coa lista de expedientes para os que se propón a axuda, unha lista dos expedientes para os cales non se propón a concesión de subvención por estaren na situación descrita.
Resolución
A Agader resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, nos termos contidos na proposta de resolución efectuada pola xunta directiva do GDR.
Publicaranse no DOG as subvencións concedidas, nas webs dos GDR e na web da Agader.
Ademais, a resolución notificarase individualmente a cada interesado. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, transcorridos 10 días naturais desde a notificación sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención (anexo IX) entenderase que a acepta, e adquirirá desde ese momento a condición de beneficiario.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de 6 meses, contado desde a data da presentación da solicitude de axuda. O promotor poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o dito prazo sen que se notificase a resolución expresa.
Desistencia e renuncia
En calquera momento da tramitación do expediente, o solicitante poderá desistir da súa solicitude de axuda, de forma expresa, mediante a presentación do documento normalizado (anexo VIII). A desistencia dá lugar ao arquivo do expediente, nos termos establecidos na resolución que ao efecto dite á Agader.
Igualmente, dá lugar ao arquivo do expediente, tras a resolución que ao efecto dite á Agader:
– A falta de presentación en prazo da documentación requirida ao promotor na fase de instrución do procedemento.
– A renuncia do promotor á subvención concedida. A renuncia farase constar en documento normalizado (anexo IX).
En todo caso, cando o promotor non poida executar o seu proxecto, deberá presentar a renuncia á subvención concedida, constituíndo a falta de renuncia nestas circunstancias causa para iniciar expediente sancionador, ademais de, se é o caso, iniciar o procedemento de reintegro respecto das cantidades xa percibidas en concepto de subvención.






